Pleno de xullo: aprobada a moción para o impulso do Polígono da Ran

O pasado xoves aprobouse na sesión ordinaria do pleno de Cuntis correspondente ao mes de xullo a moción que o noso grupo municipal presentara para a procura da colaboración económica doutras administracións no desenvolvemento do Polígono da Ran. Veciñanza dera a coñecer esta iniciativa había xa uns días e contara co apoio do deputado provincial Xosé Lois Jácome, da Coalición Son. Durante o debate houbo oportunidade para coñecer o posicionamento de cada un dos catro grupos políticos da Corporación. Malia que a aspiración era un acordo por unanimidade para a constitución dunha mesa de traballo, non foi posible debido á decisión do BNG de non apoiar esta moción. Se ben o voceiro de Veciñanza insistiu na posibilidade de adoptar as suxestións que o resto de grupos quixesen propoñer, o voceiro do BNG decidiu absterse sen aclarar os seus motivos para non apoiar algo tan necesario para Cuntis. Tanto PP como PSOE votaron favorablemente non sen presentar antes os seus respectivos matices. O PSOE aludiu á posibilidade dun convenio pola teórica imposibilidade competencial da Deputación de Pontevedra. O PP recordou o acto que Veciñanza levara a cabo na precampaña electoral de 2015, o que dá mostra da efectividade daquela idea ao telo o voceiro do Partido Popular presente no seu argumentario máis de dous anos despois. Tal e como indicou o voceiro de Veciñanza, Santi Martínez, “esta iniciativa busca ser un punto de partida a partires do cal traballar nunha mesa na que os catro grupos estean representados”, logo da parálise prolongada que nestes dous anos de lexislatura se mantén a respecto da pasada.

Antes do debate desta moción, a Corporación aprobou os dous primeiros puntos da orde do día deste pleno: a adhesión do Concello de Cuntis á central de contratación da FEMP e o expediente 524/2017, relativo á desafectación do primeiro andar do coñecido como ‘edificio dos mestres’. Este último trámite é preceptivo para proxecto de adicar ese espazo ao departamento de servizos sociais do Concello, algo que dende Veciñanza apoiamos dende o primeiro momento.

A seguir produciuse a aprobación tamén por unanimidade da outra moción que o noso grupo presentaba a esta sesión: a que insta ao Concello de Cuntis a elaborar un estudo de mobilidade relativo ao transporte público e que detecte aquelas demandas e necesidades principais, rutas, horarios, etc. Se ben as competencias municipais son limitadas nesta materia, é importante contar cun documento de traballo para poder enfocar con precisión unha das principais deficiencias de municipios do rural como o noso.

Cómpre lembrar que é xa habitual que sexa Veciñanza o único grupo que presenta mocións e iniciativas nos plenos. De parte do Goberno tan só circulan polas sesións plenarias os trámites burocráticos imprescindibles, non se coñecen nin debaten proxectos, nin investimentos, nin prioridades nin nada semellante… Segue paralizada a actualización de ordenanzas e redacción das que aínda non hai, e as escusas esgótanse sen remedio. E por parte do Partido Popular o balance nestes dous anos de lexislatura é ben doado de resumir: cero. Cero mocións presentadas, cero iniciativas, cero ideas, cero propostas.

Na parte de rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polos seguintes asuntos:

  • Cuntilín. Logo da polémica xerada pola interrupción do servizo durante dous días, o voceiro municipal Santi Martínez manifestou a preocupación por repetirse nun breve espazo de tempo problemas semellantes con empresas que prestan servizos para o Concello: a da escola de música e a do servizo de conciliación Cuntilín. Pediulle tamén á Concelleira de Servizos Sociais prudencia á hora de garantir publicamente algo cando non existía, naquel momento, a certeza absoluta da reanudación inmediata do servizo.
  • Este pleno celebrouse unha vez máis en xoves, incumprindo o acordo de inicio de lexislatura que fixaba a data e a hora en venres. O noso voceiro solicitou o respecto a ese acordo ou a proposta dun novo, pero non é serio que se normalice o incumprimento.
  • A parálise do Centro de Día continúa despois de rematadas as obras de enganche do saneamento. Os veciños e veciñas de Cuntis seguimos agardando a que Concello e Xunta de Galicia avancen no procedemento para a posta en funcionamento deste necesario servizo.
  • Plan de compostoiros da Deputación de Pontevedra. O concelleiro de Cultura recoñeceu que este ano Cuntis (voceiro do Goberno en ausencia do Alcalde) non se adherira ao programa provincial, sen concretar ningunha razón máis, e afirmou que se está a valorar a posibilidade de sumarse no vindeiro ano.
  • No relativo á depuradora de Meira e ao fedor que desprendeu durante varios días a resposta foi de novo abstracta, sen maior concreción que a dunha avaría máis.
  • Tampouco foi moi concreta a resposta que recibimos ao preguntar pola moción de uso das instalacións deportivas municipais, pendente dende que a finais de 2015 se aprobara unha moción de Veciñanza para a súa elaboración.
  • No referido á limitación de velocidade da PO-226 ao seu paso por Meira, o noso voceiro municipal Santi Martínez recordou a recente visita do Sr. Cores Tourís e a oportunidade que tiveron tanto o Alcalde como o portavoz do Partido Popular de recordarlle a vital importancia de reducir tales límitacións.
  • A seguinte cuestión foi a relativa aos lombos instalados nas inmediacións da escola da Gándara por parte da Deputación de Pontevedra (iniciativa positiva) e a incomprensible escaseza de tal actuación (decisión absurda): o vial que une a parroquia de Arcos de Furcos coa N-640 leva dende a súa construción sen un pintado definitivo, algo que reclamou Veciñanza nesta quenda de intervencións.
  • Xa para rematar, o voceiro Santi Martínez aludiu á demencial situación que presenta o encoro do Umia, cuns niveis de contaminación por microcistina certamente preocupantes. Ante a parálise e indiferencia do Goberno Local, Veciñanza reclamou a convocatoria dunha Comisión de Medio Ambiente para abordar este particular recordando que xa o ano pasado foi aprobada unha moción na que se instaba ao Goberno Municipal a esixirlle a Augas de Galicia os resultados do tratamento con codia de eucalipto. Estamos ante o problema medioambiental máis grave da comarca e o bipartito de Cuntis permanece impasible, como se non fose un asunto que afectase ao noso municipio.

Ao remate da sesión cómpre salientar a intervención de dous veciños que lamentaron a indiferencia do Goberno Municipal ante dous asuntos distintos: dunha banda o estado dun contedor de lixo na aldea da Toxeira (na parroquia de San Mamede) e tamén o incumprimento da perímetro que establece a normativa en materia de limpeza do monte para a prevención de lumes forestais na aldea de Xinzo.

A sesión foi gravada unha vez máis por Veciñanza. Desta vez non foi posible facelo durante toda a sesión debido a problemas técnicos e non podemos ofrecer a intervención do noso grupo na quenda de rogos e preguntas. Isto é o que a tarxeta de memoria nos permitiu:

Share

Tamén pode gustarche...